Jueves 24.05.2012
| Actualizado 20.39
Hemeroteca web
|
RSS

O ANO 1949, dende Buenos Aires, propúxenlle a meu pai, labrego e carpinteiro, que me escribise en galego, e máis por complacerme que por convicción, comezou a facelo e seguiríao facendo de por vida. Non tardou en agradecerme a suxerencia: "parece mentira, por catro días que fomos á escola, na que pouco deprendemos, xa nos parece que o que escribamos ha de ser por forza na lingua dos máis dos libros, como se a fala nosa de cada día, a que falamos dende o berce e para sempre non puidese poñerse en letras". Engadíu que era unha parvada colectiva na que se caía por non cavilar.
Pasado un tempo foi máis lonxe. Díxome que escribindo na fala do país podía decirme máis cousas, de máis siso e con menos palabras, e que unha nai cando lle escribía ó fillo se poñía "querido hijo" era por rutina pois o que ela sentía, e lle viña de dentro era "meu querido fillo", na linguaxe do sentimento.
Todo era moi sinxelo, moi fácil, de doada comprensión, pero as nosas xentes –e non os iletrados das aldeas senón tamén os "moi instruídos" de vilas e cidades– caían e caen no mesmo. Andando o tempo, meu pai e máis eu faciamos comentos arredor do tema. Era un erro autotraducirse a unha lingua mal deprendida, tendo á man no cerne do pensamento a de todos os días.
De alí en diante, ademais, escribíalles en galego a meus irmáns, cuñadas, cuñados e sobriños. Acolleron a idea deseguida, seguramente inducidos tamén polo pai, e participaban nesta "conversión" ou encarrilamento.
Mentres o galego sexa só ritual, para usar en cerimonias puntuais, mentres sexa unha lingua circunstancial, como dicía Paco del Riego, mal andamos na nosa identidade como pobo, e pouco respecto sentimos polos nosos devanceiros, que ó longo dos séculos conformaron este idioma, o segundo de orixe latina máis utilizado do mundo.
Escritor

El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado
Estas son las carreteras que tenemos
Una placa muy desfasada en Ribeira