Jueves 24.05.2012
| Actualizado 20.39
Hemeroteca web
|
RSS
Editouse en 2007 co copyright da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia. Ao longo das páxinas aparecen intervindo, amais do director xeral da Academia de Seguridade Pública e 48 alcaldes das principais cidades e poboacións galegas, 64 altos xefes e mandos das forzas e corpos de seguridade en Galicia. A día de hoxe a cifra rexistraría un aumento. Estou a me referir a ese impoñente monumento impreso dedicado á defensa da lingua galega, respecto ao seu uso social, nun volume de 763 páxinas, a gran formato, baixo o título En galego con toda seguridade. Nel recóllense breves e emotivos testemuños persoais referidos ao idioma xerado nesta nosa terra atlántica, ilustrados con grandes fotos dos incluídos en tan excepcional publicación. Entre eses textos, que honran aos seus autores como persoas e como galegos á marxe de compromisos políticos, lembro que aparecía un entrañábel escrito de Gonzalo Jar Couselo, xeneral de División da Garda Civil, doutor en Ciencias Políticas e membro do Centro de Estudios de Derecho Internacional Humanitario da Cruz Roja española, falecido a fins do pasado mes de decembro en Madrid e cuxas cinzas foron traídas á súa terra natal.
Naquel fragmento textual alude ás súas orixes, declara o amor ao idioma dos seus maiores e sinala a artificial contradición glotolóxica existente no seo do corpo en Galicia: "Con antecedentes tan claros dende o punto de vista lingüístico, non ha de resultar estraño que, coa miña chegada á Garda Civil e ingreso na escala superior de oficiais, descubrira o que eu denomino "o gran paradoxo dialéctico" co que tería que convivir a partir de entón". Instalado nun galeguismo íntimo e familiar, noutro texto inserido no volume Un futuro para a lingua (tamén coñecido como "o libro das mandas testamentarias"), Gonzalo Jar subliña: "Moito tempo despois, descubriría o privilexio que supón desenvolver os primeiros anos dunha vida con dúas linguas sen ningún esforzo para o neno que era. Unha vez casado cunha dona non galega, a chegada de dúas fillas plantexoume a dúbida de como tería que facer para que esa herdanza que me fora transmitida non morrera de maneira definitiva, así que, desde ben pequenas e coa complicidade da miña muller, puxen en marcha un plan, vixente deica hoxe, que consistía en falarlles sempre en galego" e a súa nai faláballes en castelán, con óptimos resultados na súa formación. Cunha excelente folla de servizos, tras un recurso ao Ministerio de Defensa, no 2004 é ascendido ao xeneralato.
Neses anos coñece a Xosé González Martínez, presidente do Foro E. Peinador, co que establece unha rexa amizade e colabora nos proxectos de Galeguizar Galicia. Tamén formou parte do xurado dos premios da Crítica Galicia en investigación. Díseme que, ata a súa fatal enfermidade, era home de investigación: profesor na Autónoma de Madrid, cunha longa nómina de libros publicados, especialista en Dereito Internacional Humanitario, mediador en conflitos internacionais, etc. Aspecto no que cómpre remarcar a demanda que presentou na Audiencia Nacional para se reabrir o caso do fotógrafo José Couso, morto polo disparo dun tanque estadounidense en Bagdad, contra da falaz versión ianqui remitida ao ministro Trillo, e que se rematou co proceso aos militares responsábeis.
A Irmandade Xurídica Galega está a preparar o acto da inauguración, en breve, dun monumento en Lérez ou Pontevedra, cun busto en bronce sobre pedra, en memoria do xeneral Gonzalo Jar e coa lenda, tomada de Cabanillas, "Galicia, unha terra, unha lingua, un pobo".

El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado
Estas son las carreteras que tenemos
Una placa muy desfasada en Ribeira