Jueves 24.05.2012
| Actualizado 18.39
Hemeroteca web
|
RSS

Quizais unha das maiores fortunas que lle pode deparar a vida a un ser humano sexa a de non lle permitir ter sido feliz durante a súa nenez. A afirmación, millor ou pior recordada, pero fidel á súa esencia, é de Serge Moscovici, o sicólogo social, nacido en Rumanía, pero de formación francesa. Leína hai uns días nun libro do que non recordo as referencias precisas, pero que llas vou poder dar cando, dentro duns tantos días, volva a casa dun meu parente a pasar a fin de semana e ocupar o tempo máis ou menos no que o ocupo nesta miña; é dicir, en ler e escribir, pero tamén en pasear, en falar, e falar, e falar das cousas que sempre me apeteceu facelo, entre elas as contidas nestes aspectos que sinalo. Moscovici, según se deduce do texto que contextualiza a súa cita, feita polo autor dese libro que aínda que me aspen non recordo, fala de que é unha infancia infeliz, precisamente, a que potencia a creatividade e xenera a sensibilidade e maila capacidade artística precisas pra lle poder transmitir ós demáis as sensacións, as imaxes, os conceptos cos que a vida nos envolve a todos e que só os artistas son quen de elaborar, cáseque se diría de empaquetar, a fin de envialas envolveitas en cuantos que se dirían de luz pois tanto axudan a conformar iso que agora se chama a conciencia cuántica colectiva; algo no que hai a empezar a crer se un quere entender os cambios que lle vai deparar, que xa lles está a deparar a vida ó tecido social no que vivimos presos, pero felices, uns; presos e moi infelices, non poucos.
Logros e calidades á parte, eu son escritor e, orfo xa de pai e nai, sei e podo dicir que non tiven unha nenez precisamente feliz quizais por tela vivido case sempre lonxe deles. Ler a afirmación de Moscovici non me solprendeu. Pensei moitas veces neso mesmo ó me preguntar polas razóns de que leve adicado a miña vida á literatura e non a algunha outra ocupación algo máis útil, se por útil se entende un laburo (dito en porteño, se mo disimulan) que non te deposite na vellez con máis inseguridades que certezas. Inseguridades herdadas da nenez, as anímicas, e consecuencia da idade, supostamente adulta, as derivadas dos aspecto económicos e sociais, políticos e administrativos.
Ben sei que isto acontécelle a todo o mundo, pois todo o mundo oculta un artista dentro súa. Sucede que acertan a coutalo, a reprimilo, sen deixar que nunca se asome e manifeste ou o faga dun xeito vergonzante. Moscovici diría probablemente que non sofriron abondo. Eu concordaría con Basilio Losada, que é xente de nós, e considera que sofrir é malo, pero ter sofrido é bo. Tanto é así e debe ser así que ata infancia, contemplanda dende loxe, se nos antolla fermosa, fermosa e lonxana, única e cabal. A vida mesma.

El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado
Estas son las carreteras que tenemos
Una placa muy desfasada en Ribeira