Jueves 24.05.2012
| Actualizado 17.37
Hemeroteca web
|
RSS
O domingo pasado, ese xornal publicou un artigo de D. Salvador García-Bodaño, co título que encabeza esta carta. Nela fala do poeta Aquilino Iglesias Alvariño, ao cumprirse o centenario do seu nacemento e tamén dos poucos actos celebrados na súa honra. Esta chamada de atención do noso académico vén confirmar a indolencia de case tódolos galegos, que nos esquecemo con moita facilidade daquelas persoas que fixeron grandes achegas á nosa terra. O noso conformismo secular é algo que levamos no sangue. Hai uns meses cumpriuse o quinto aniversario da morte do doutor Sixto Seco, unha das persoas que tanto fixo pola nosa lingua e a nosa cultura, e falo con coñecemento de causa. Silencio total.
A lectura do artigo en cuestión tróuxome ó maxín, meus anos de estudo do Bacharelato no Instituto de Ensinanza Media de Pontevedra, onde era catedrático de Latín D. Aquilino, home serio, que -se a memoria non me falla- nunca vin sorrir. Daquela tamén era noso catedrático de Literatura Española D. Xosé Fernando Filgueira Valverde, e outros destacados profesores. Os desa promoción, polos educadores que tivemos, fomos uns privilexiados. Tódolos anos celebramos unha xuntanza para recordar aqueles anos e falamos con agradecemento dos que nos impartiron o seu maxisterio, pois foron os que cicelaron as nosas personalidades e nos transmitiran o seu coñecemento.
Lémbrome dunha excursión a pé, subindo o Castrove, ao mosteiro da Armenteira, con el á fronte. A volta, na baixada do monte, detíñase a falar coas xentes do campo que habitaban as poucas casas que existían, e preguntáballes sobre cousas do que alí observaba: apeiros de labranza, algún carro, gando, etc., ó mesmo tempo que tomaba notas nun caderno. Non deixa de ser curioso para os tempos actuais o feito de que toda a súa obra en galego fose publicada durante os anos do franquismo, e inda despois de morto en 1961, salvo unha novela en español publicada en Bos Aires, cando agora din algúns que estaba prohibido falar en galego. Eu sempre falei nas dúas linguas, automaticamente, sen traducir dunha a outra, por iso non entendo o que está pasando na ensinanza. Sirvan, pois, estas liñas como a miña modesta homenaxe a un dos grandes escritores da nosa lingua matria.

El río Sarela recibe vertidos blancos
Un cajero compostelano pintarrajeado
Estas son las carreteras que tenemos
Una placa muy desfasada en Ribeira