Inicio
![]() |
| Mitch Monsein, alma de Moonshine Train, durante un concerto FOTO: Lecer |
Un blues moi clásico, cun bo enfoque e doado de escoitar. Unha ‘canción de carretera’. Esa é, a grandes trazos, a definición do tema que os camiñantes da ruta con destino a Compostela xa bautizaron como ‘himno do peregrino’.
Con The Way Saint James, Mitch Monsein, alma da banda Moonshine Train, réndelle homenaxe ao Camiño de Santiago. Cun ritmo "que se pega", este estadounidense natural de Pittsburgh, galego de adopción, chegou ata a final do concurso Citroën C3 Lipdub, escollido entre proxectos de toda España. Pero "a nós dános igual o cruceiro" (o premio do concurso), apunta a súa muller, Ana Yurss, que recoñece que usaron o certame como plataforma para un tema que, pola vía institucional, non atopou saída e "estas cousas chegan mellor pola vía dixital".
O tema "fíxose hai tempo", explica Ana, uns catro anos, matiza Mitch, "pero atopamos no concurso a plataforma para o lanzamento da canción. Temos amigos en contacto directo cos peregrinos, e a estes gústalles o tema, incluso lle chaman o ‘himno do peregrino", engade Ana, que explica que, a diferenza doutros concursantes, deixaron de lado a lista de "cancións libres de dereitos de autor" propostas nas bases do concurso para optar "polo tema de Moonshine Train, que tiñamos ganas de divulgar", engade.
"É moi frustrante cando a xente importante non te escoita", apunta, pola súa parte, Mitch. É máis cando é unha canción "que lle gusta á xente, funciona moi ben, queda na cabeza", e, á vez, pode darlle ao Ano Xacobeo esa tan desexada proxección a nivel internacional.
"É un blus moi sinxelo –explica Monsein–, unha canción moi universal, cun bo enfoque, un blus moi clásico pero de bo oído. A letra tamén ten a súa graza, noméase cada punto co Camiño pero con graza. É unha ‘canción de carretera", sentencia.
O concurso, cuxos cinco aspirantes a premio se deron a coñecer a mediados de xaneiro, terá gañador no mes de marzo, nunha final á que The Way Saint James lle pon acento galego. Un traballo, ademais, non exento de problemas na súa realización. "Tras presentar a idea ao concurso", lembra Ana Yurss, "e saír escollida, foi cando nos dixeron que tiña que rodarse o vídeo nunha soa toma. Só tiñamos dez días, soubemos que no Obradoiro non se podía rodar porque había que pedir permiso...", relata. É dicir, que "unha cousa foi a idea que presentamos e outra moi distinta o que puidemos facer. No coche non se oía o CD, que soaba desde moi lonxe, co que tamén era difícil facer o playback...", engade Ana, para destacar que "os outros concursantes contan con técnicos especializados e outros medios". Ten mérito, pois, chegar a onde chegaron. Pero "o que ten máis mérito en verdade é a caradura que lle botamos", sentenza.
E para darlle aínda máis valor, Mitch destaca que quen toca o baixo cando se gravou o tema hai catro anos é o seu fillo Nick, que tiña doce anos daquela.
Tras 22 anos en Galicia –di que xa se afixo á vida aquí–, a relación de Micth Monsein coa tradición Xacobea é estreita. Recoñece que percorreu "case todo o Camiño", xa que ten familia en Pamplona, aínda que "andando, pouco". Asemade, e amais de traballar como profesor de inglés en Compostela, é guía oficial do camiño e manifesta un grande interese por todo o que ten que ver coa ruta xacobea.
Podes votar por el na canle que o concurso ten en Youtube:
.The Way Saint James
Santiago de Compostela (Galicia)
Música: Moonshine Train
Lipdubitando
Alcalá de Henares (Madrid)
Música: Brad Sucks - Dropping Out of School
Animaralia
San Sebastián (País Vasco)
Musica: Cooper - Hyde Park. Discográfica: Elefant Records
Con Citroën donde quieras
Cidade: Valencia (Comunidade de Valencia) .
Música: Juanitos - Glitter Bomb
En buena compañía
Cidade: Valencia (Comunidade de Valencia)
