Inicio
![]() |
| L.a. son as iniciais do mallorquino Luis Alberto Segura, nesta bucólica imaxe |
Pechas os ollos e escoitas a voz grave dun cantante da época do grunge, similar á de Eddie Vedder de Pearl Jam ou Scott Weiland dos Stone Temple Pilots. A música é enérxica, dá ganas de coller o coche e fuxir da cidade por unha autoestrada longa, moi longa. El non é estadounidense, é mallorquino e chámase Lluis Albert, líder de L. A., as súas iniciais, e o tema é Cristal clear, un hit vitamínico (dedicado á súa moza, confésanos) que caltapultou esta banda apadriñada por Universal ó máis alto do indie. Co seu alma mater falamos, co gallo da súa xira por Galicia esta semana, o xoves 11 no Le Club da Coruña e o sábado 13 na Fábrica de Chocolate de Vigo.
Levas desde o 94 tocando, e agora desde o lanzamento de ‘Heavenly hell’ todo son recoñecementos. ¿Sentes que por fin se valora a túa carreira de fondo?
Sinto satisfacción ante todo, isto é un premio, é como un agasallo polo que fixen ata o de agora, que estamos no principio do principio, polo que espero que todo vaia in crescendo.
¿Cal é o seguinte paso logo?
Estou supercontento e non podes imaxinar como, pero todo o que veña será ben recibido. A verdade é que non son un tío ambicioso, que aspire a comer o mundo e vender millóns de discos. Son consecuente co que hai e deume cun canto nos dentes xa.
Supoño que o nome de L. A. vén das túas iniciais... ¿ou querías facer unha asociación cos Ánxeles?
Non, eu empecei a gravar poñendo ‘L. A. demos’ nas cintas de casete cando tiña 13 ou 14 anos porque Lluis Albert non me cabía, desde sempre L.A. foi un proxecto persoal para facer o que queira, como se me petaba gravar un tema instrumental de 40 minutos, para nada era unha cousa premeditada, e está claro que non currei moito o nome (risos). Pero se me asocian cos Ánxeles pois perfecto, é a cidade por excelencia.
Es consciente de que é un nome complicado para buscar en internet...
(Risos). Si, desde o primeiro momento o sabemos, pero foi algo identitario, buscamos nomes para sacar o disco con Universal, pero non era honesto, prefería seguir como estou a cambiar o nome e non sentirme cómodo co da portada do meu disco.
Falas da discográfica. ¿Que significou a chamada de
Universal?
Ilusión porque non cres que che pase iso, e máis con 30 tacos, cando a toalla non é que a tirases, senón que a recolles e limpas pois paréceme ben, que chegue agora e non con 18 anos, que de seguro que aínda estaría de festa celebrándoo.
¿L. A. es ti só ou xa falas de banda?
Son eu pero agora que presentamos o disco e traballamos como banda polo que falo en plural, como se o álbum o fixesemos todos, cando o creei eu só.
Tedes moi boas críticas e entre elas, chamoume a atención a que fala do “mellor disco americano de España”...
(Gargallada) Pois non a lera. O que mamo máis é musica americana e para min isto é como outro premio máis. Gústame que me digan iso.
Escoitando as túas cancións, lémbrome de Counting Crows e Pearl Jam, e nunha revista leo que son os teus grupos favoritos. ¿Gústache que se che noten as influencias?
Desde pequeno escoitei música americana, como Crosby, Still &Nash ou Beach Boys, e cando comecei a mercar discos era o momento do rock americano e do grunge, e vólvome un consumidor total de música americana como Counting Crows, Pearl Jam, Soundgarden, Blind Melon...e é cando comezo a enchouparme de música e coller unha indentidade que me queda dentro. Aínda escoito eses discos no coche e gústanme, non me desagrada en que se me vexan as influencias. Non teño reparos en dicir que son fan de Pearl Jam, mellor que me comparen con eles que con outras cousas que hai por aí...
Desde logo, o single ‘Cristal Clear’ é redondo....
Fíxeno para a miña moza, e a min dime moito, pero é curioso como moita xente a interpreta. É de amor, fala de principios de relación, e cando a escribín deilla á miña moza e díxenlle: é a canción máis teen da miña vida, e non sei se volverei facer unha así de novo, pero si que é redonda e moi pegadiza.
Agora estades inmersos nunha xira. ¿Cales son os vosos plans máis inmediatos?
O máis inmediato é tocar, tocar e tocar e preparar o novo disco. Precisamente fai unha hora compuxen o que vai ser o vindeiro single. Estamos coa acústica, a gravadora, ensaiando, tocando fóra...
Esta semana que entra vides tocar a Coruña e a Vigo. Como todas as bandas coas que falo, algún vínculo teredes con Galicia, ¿non?
Pois si, o noso mánager é galego. Teño unha ramificación da miña familia aí, pero afastada, e apetéceme moito ir, pasalo ben e gozar de Galicia ó maximo. E que á xente que veña lle guste o noso directo, claro.
