Inicio
![]() |
| Enrique Paisal durante un dos seus concertos de piano |
A espiral da música picoulle sendo tan só un neno. Ós dezaoito anos fundou cuns amigos o mítico grupo Los Tamara, un símbolo para toda unha xeración de galegos. Entre os fitos destes mozos aventureiros destaca a actuación na Sala Olimpia de París xunto con Jacques Brel ou ser os primeiros en gravar unha canción pop integramente en galego. Pero non só de Los Tamara vive Enrique Paisal. Agora, sae á venda o seu terceiro disco en solitario, no que demostra o seu talento como pianista. En Música, plasma a súa creatividade a tavés de catorce cancións que van desde temas propios a boleros, pasando por cancións tradicionais galegas.
Como é este novo disco?
Este é o meu terceiro disco como pianista e chámase Música, que é o nome dunha canción de John Miles. Hai algunha canción miña. Toco só a piano dez cancións, sen orquestración nin nada, e logo colabora un compañeiro meu que estivo nos Tamara, Antonio Vázquez, que é o pai de Yolanda Vázquez. Antonio toca o clarinete en dúas pezas e a súa filla, que é presentadora de televisión, tamén canta no disco. Ademais, canta Sonia Ledevynski, do grupo musical Fía na Roca. Así, hai catro temas que son cantados. Por exemplo, a intérprete de Fía na Roca canta Galicia terra nosa e eu acompáñoa ó piano e Yolanda canta Lela, acompañada polo seu pai e por min, ó acordeón e ó piano, e tamén canta unha canción en francés, Ne quítesme pas, de Jacques Brel.
Como di está moi ben acompañado...
Gústame ter algunha colaboración. É xente que son amigos e sempre se prestan a facer algo comigo. Sonia é unha profesional e ten varias participacións con outros grupos. Antonio tamén fixo cousas con outra xente. Yolanda non é profesional, non é cantante senón presentadora, pero ten moito gusto cantando. Xa cantara comigo antes e con Miguel Ríos nunha homenaxe que se lle fixo na Coruña ó compañeiro Pucho Boedo, logo da súa morte, e decidín incluíla neste último disco meu.
Introduciuse na música sendo moi novo. Para ser un bo músico é mellor empezar de neno?
Empecei ós sete ou oito anos porque na miña casa había piano, había acordeón... O meu avó tocaba e o meu pai sempre tocou o piano, daba clases e tivo unha pequena orquestra hai moitísimos anos, cando eu aínda non nacera. E esa foi a forma de empezar. Eu tamén son profesor e levo desde que deixei Los Tamara no Conservatorio de Ribeira. Como profesor, creo que non cabe dúbida de que se aprende mellor de neno. Sendo maior pódese aprender, pero non é o mesmo.
Talento ou formación?
Creo que as dúas cousas van un pouco parellas. Se alguén ten unha boa formación artística pero lle falta talento non calla ben, falta algo. O talento é moi importante.
Foi un dos membros fundadores de Los Tamara. Garda un bo recordo daquela época?
Imaxina! Como non o vou gardar? Foron case 20 anos da miña vida. Actuamos practicamente en toda Europa e en varios sitios de América.
Hai algún momento que recorde con especial agarimo?
Conservo moitos recordos con agarimo, aínda que para o meu, probablemente, un momento clave nos Tamara e na miña vida, porque eu era moi nova, foi tocar no Olimpia de París con Jacques Brel. Alí foi onde gravamos o noso primeiro disco. Despois están outras actuacións polo mundo adiante, atoparnos con galegos... Acórdome de Bos Aires, dunha noite na que actuabamos. Tamén cando tocamos en Xenebra ou en Zúric para os galegos nunhas salas que alugaban. Unha destas actuacións coincidiu coas festas de Nadal. Empezamos a cantar Galicia Terra Nosa e aquilo foi un delirio. Iso márcate, sobre todo cando estás fóra da túa terra.
1975, o ano da ruptura
Enrique Paisal deixou Los Tamara no ano 1975 e regresa a Santiago onde comeza a dar clases no Conservatorio. Máis tarde mándano á primeira escola de música de Porto do Son e tamén se fai cargo da coral "Voces do Son" coa que chegou a gravar un LP. Anos máis tarde estivo como profesor de piano e solfexo na escola de música do Liceo da Pobóa do Caramiñal. Finalmente chega á escola Municipal de Riveira onde hoxe é Conservatorio de Grao Medio e é director. Tamén aquí se fai cargo da Coral Polifónica de Riveira. Ademais, segue compondo música para cantantes galegos.
