Inicio
![]() |
| Soutullo (á esquerda) co pianista Ananda Sukarlan |
O pianista Ananda Sukarlan estreará hoxe no Festival Internacional de Santander (FIS) Have you said spectral?, a obra gañadora do Concurso Internacional de Composición Manuel Valcárcel, cuxo autor, Eduardo Soutullo, cre que a música contemporánea debe reencontrarse co público. A partitura deste compositor galego -naceu no 1968 en Bilbao pero criouse e formouse en Vigo- foi seleccionada entre 172 obras procedentes de 30 países polo xurado do concurso que convoca a Fundación Botín.
Soutullo, premiado polas súas pezas orquestrais en certames como o Prokofiev de San Petesburgo ou o Lutoslawki de Varsovia, explicoulle aos xornalistas que creou unha obra para o público e non para especialistas, como ocorre cunha boa parte da música que se compón actualmente e que, o seu xuízo, está escrita "por compositores contemporáneos para compositores contemporáneos".
O seu autor cre que o afán de buscar "o novo polo novo" conduciu a que os compositores renuncien a moitas cousas, empezando pola melodía e a harmonía, e a que se produciu un divorcio entre os que seguen as tendencias máis radicais e quen queren rescatar "algunhas cousas do pasado".
Soutullo considera que a volta á tradición é "a liña a seguir" porque está supondo un reencontro co público. Desde o seu punto de vista, os centros e institucións que programan música terían que pensar que ou renovan o público dos concertos ou van quedar sen el.
