Son dúas das voces máis singulares e aprezadas do panorama musical da lusofonía: a portuguesa Cristina Branco, que o vindeiro sábado 20 de marzo chega ao Teatro Colón da Coruña, e a caboverdiana Lura, que presentará o seu novo traballo Eclipse o vindeiro 26 de marzo no Centro Cultural Caixanova (Teatro García Barbón) de Vigo. Estilos e sonoridades diferentes para o mesmo magma expresivo do galego-portugués.
Cristina Branco -nun concerto organizado pola Deputación da Coruña para conmemorar o Día da Muller Traballadora-, presentará Kronos, o seu novo traballo discográfico. Kronos, o décimo disco desta fadista de hoxe, ten o tempo como fío condutor. Colaboraron ademais na súa gravación unha decena de compositores portugueses de primeira líña que compuxeron os catorce temas que forman o disco: José Mário Branco, Sérgio Godinho, Amélia Muge, Rui Veloso, Vitorino, Janita Salomé, Maestro Victorino d'Almeida, Mário Laginha, Carlos Bica, João Paulo Esteves da Silva e Ricardo Dias.
Doutra banda, a cantante caboverdiana Lura chega a Vigo o día 26 de marzo, ás 20.30 horas, no marco do ciclo Música Babel, organizado por Caixanova e no que se inclúen as actuacións de Susana Seivane, Martirio ou Win Mertens Ensemble. Gravado en Bruxelas, Lisboa, París, Praia e Nápoles, este é o cuarto rexistro discográfico de Lura, unha das principais renovadoras da música caboverdiana de hoxe.
Retirar invitacións
·· As invitacións para o concerto de Cristina Branco no Teatro Colón poden retirarse no despacho de billetes do Colón hoxe xoves, 18 de marzo, de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.30 horas. A entrada será libre ata completar aforo .
gallego
