Inicio
![]() |
| O Cantar do que se alexa FOTO: José Luis Oubiña |
Co gallo da celebración no 2009 do Ano Cabanillas –no que se cumpriu o cincuenta aniversario da súa morte– foron varias as iniciativas para recuperar a memoria deste insigne autor das nosas Letras. Desde o museo Verbum, de Vigo, decidiron xa no 2010 programar unha exposición que dese unha visión íntima e persoal sobre o traballo do autor, que achegue o público ao Ramón Cabanillas máis íntimo a través da escolma de trinta e tres traballos realizados por once fotógrafos galegos actuais baseados na obra de Cabanillas, presente tamén na exposición.
Os once artistas seleccionados (Iñaki Abella, Quico Álvarez, Eduardo Apariz, Luís Barreiro, Mónica Irago, Martina Miser, Emilio Moldes, José Luiz Oubiña, Carlos Puga, Xaquín Rosales e Mónica Vila) realizaron un labor de introspección e afondamento na lírica do poeta do Salnés, sendo esta exposición o resultado fotográfico dese traballo de creación libre, íntimo e persoal.
![]() |
| Mariñeira FOTO: Mónica Vila |
Na mostra pódense ver as instantáneas que foron inspiradas e guiadas pola obra do poeta que, xunto cun pequeno texto dos autores explicando o seu traballo, acompaña estas imaxes.
A mostra está organizada pola asociación Candea (Asociación de ensinantes do Salnés) e dirixida e comisariada por Fotoxoguete. Baixo o título de Unha viaxe con Ramón Cabanillas a través da fotografía, a exposición poderase visitar ata o próximo 21 de marzo.
Fotografías inspiradas en textos de Vento Mareiro, Camiños no tempo, No desterro, Poesías ventureiras ou Da terra asoballada, por exemplo, se inclúen nesta curiosa exposición que mestura literatura e fotografía para achegarnos ó prolífico autor.
Ramón Cabanillas Enríquez naceu en Fefiñáns (Cambados) en 1876. Con 34 anos emigrou a Cuba, onde coñeceu a Basilio Álvarez, que o gañou para a causa agrarista. De volta na súa terra, o compromiso co proxecto das Irmandades da Fala levouno a colaborar asiduamente n ‘A Nosa Terra, converténdose na voz lírica do movemento. Foi aclamado como Poeta da Raza e utilizou os seus poemas ao servizo da construción nacional, abandonando pouco a pouco os ecos intimistas presentes na súa primeira poesía. En 1920 foi elixido membro da Real Academia Galega, onde leu un discurso titulado A saudade nos poetas galegos. En 1929 faría o propio na Real Academia Española cun ensaio sobre Eduardo Pondal.
