Inicio
![]() |
| Unha das salas do Centro Cultural nas que permanece a exposición de Lamazares FOTO: Catálogo da exposición |
O Centro Cultural da Deputación de Ourense está de noraboa por partida dobre: celebra que cumpre dez anos de rigoroso traballo e de institución de referencia aberta a toda a sociedade e conmemórao por todo o alto, cunha exposición pictórica do galego Antón Lamazares que se converte na maior colección que albergou o recinto nunca. A mostra, titulada Domus Omnia & E fai frío no lume abarca uns 1.200 metros cadrados, ocupando a entrada do edificio, as dúas salas expositivas e a sala pequena do fondo. Nela ofrécense os traballos que este artista clave no país realizou nos últimos cinco anos, entre o 2005 e o 2009, ambos inclusive, no seu estudo en Berlín –onde residen habitualmente– e gran parte das obras que poden verse na cidade das Burgas ata o próximo 31 de xaneiro non se exhibiron nunca antes en ningún lugar. En total son 152 pezas de gran formato repartidas en dúas series, que son as que lle dan título á exposición e tamén a un libro-catálogo da exposición comisariada por Luis Gónzález Tosar editado polo Centro Cultural e que se presentará publicamente a próxima semana –o día 28, concretamente–.
Os cadros que forman parte de ‘Domus omnia fan referencia á casa como concepto, esa casa universal, esa casa soñada, esa casa protectora onde nos agarda o amor e a familia, esa casa perdida e destruída, a casa que puido ser e non foi ou a casa que será nun futuro.
Pola súa banda, as obras de E fai frío no lume homenaxean o pai do pintor, falecido cando empezou este período de traballo e con gran peso na vida do artista. Todas as pezas teñen a mesma medida, horizontal alongada, con referencia ás sepulturas dos camposantos galegos. Pero o seu traballo non é representativo, senón que afonda nos sentimentos, nas lembranzas, na dor que causa a perda do ser querido, nas olladas cara ao pasado, na memoria, en definitiva. Porque cando falta un ser querido, non hai lume que nos quente.
O director do Centro Cultural, Francisco González, recalca o carácter inédito e de retrospectiva das obras expostas e a importancia desta exposición, que se suma á media de 25 mostras por ano que veu acollendo este ente durante a última década. Pola sala ourensá teñen pasado obras de Alexandre Chía, Picasso ou Goya, pero fundamentalmente tense convertido co paso do tempo nun referente da arte ourensá.
A primeira vez que expuxen en Ourense foi en 1974, no Liceo. Recordo que o día da inauguración apareceu o Sr. Manolo Santamaría cunha pota de patacas con rexós. Sabía como comía a nosa xente en comunidade, por exemplo nas mallas... Pero non imaxinaba algo semellante nunha exposición de pintura. Manda carallo con Ourense! –dixen pr´os meus adentros–, estes aurienses saben latín. Desde aquela téñolle lei a esta cidade onde respectaban moito os artistas, onde sabían estar á altura do feito creativo”. Son as palabras do propio Antón Lamazares que forman parte dunha conversa para preparar o catálogo da exposición actual. “Puxen moita ilusión nesta mostra, pero tamén esforzo e vontade. Desde o primeiro día que estiven aquí, imaxinei a exposición como un universo en marcha. Quixen que reinasen a poesía, a fábula, as casas e os eidos, pero por enteiro. De aí que pensase no diálogo entre E fai frío no lume, onde roxen as follas secas, onde se desdebuxan e dilúen as referencias, onde as pedras son coma lousas, e Domus omnia, outra memoria, a das arquitecturas próximas, a inmensidade do ceo aberto, unha “ghaculatoria” en cada fogar para gabar a Deus”, explica.
