Viernes 10.02.2012
| Actualizado 17.00
Hemeroteca web
|
RSS
A mediación como fórmula para buscar unha saída consensuada e dialogada ós conflitos matrimoniais e de parella non é unha opción moi socorrida en Galicia, a pesar de que reduce o custo emocional e económico dos procesos de separación e divorcio. Desde que en 2002 entrou en vigor a Lei de mediación familiar na comunidade, a Administración autonómica impulsou este recurso con programas como o Mediagal -ó que só recorreron 12 parellas no que vai de ano-, e o servizo de mediación intraxudicial, que empezou a funcionar en marzo atendendo 18 solicitudes en catro meses.
Trátase dunha cifra testemuñal se se ten en conta que só no primeiro trimestre de 2009, os tribunais galegos tramitaron 1.775 procesos de separación e divorcio, 6.077 no conxunto do pasado ano. Atendendo ós datos da Memoria de 2008 da Fiscalía, máis do 48% dos procesos foron contenciosos, ó non lograrse un acordo entre os cónxuxes.
Co obxectivo de reducir os conflitos entre as partes en desacordo e de asegurar que se manteñan as relacións cos fillos con maior normalidade posible, a Secretaría Xeral de Familia impulsa dúas fórmulas de mediación: a extraxudicial -antes de iniciar o proceso xudicial- e a intraxudicial -no marco da causa.
Neste contexto, o Mediagal articúlase como paso previo ó proceso de disolución da unidade familiar. Para facilitar o acceso a un máximo de seis sesións cun experto, a Xunta ofrece axudas de ata 360 euros. Para iso, abonda con que un dos membros curse a súa solicitude de designación dun profesional do Rexistro de Mediadores de Galicia, en que están inscritas 197 persoas, entre psicólogos, avogados, pedagogos ou traballadores sociais. O mediador axuda a parella a acordar a custodia ou o réxime de vistas dos nenos, o uso da vivenda, a pensión alimenticia ou a pensión por desequilibrio económico. A escasa cultura da mediación demóstrase en que desde que empezou o ano, só 12 parellas recorreron a este servizo, das que oito xa obtiveron "unha resolución estimatoria", mentres os outros catro casos están por resolver, apuntaron fontes da Consellería de Traballo e Benestar. Desde a posta en marcha en 2007, o Mediagal non recibiu máis de 48 solicitudes.
Como froito dun acordo entre o Executivo galego, os colexios oficiais de psicoloxía e de avogados de Galicia e a Fiscalía, en marzo empezou a súa andaina con carácter experimental o programa de mediación intraxudicial nos xulgados de Santiago. Os primeiros catro meses arroxan un resultado positivo. Segundo as enquisas realizadas polos responsables do programa, "o cento por cento" dos casos remitidos polos xulgados de Fontiñas aceptaron asistir á primeira sesión informativa presencial de mediación, dos que un 61% deron o paso, iniciando a mediación. Non todos alcanzaron un acordo: só o lograron o 45,5% das parellas tras asistir a entre tres e cinco sesións cos profesionais.
Asemade, o 65% dos usuarios afirmou estar "moi satisfeito coa dispoñibilidade do servizo e coa posibilidade de expresar o seu punto de vista". A neutralidade dos mediadores, o cumprimento do calendario de traballo e o trato recibido son outros dos aspectos que máis contentaron os participantes.
