Jueves 24.05.2012
| Actualizado 15.00
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Víctor Freixanes, esquerda, Xosé Neira Vilas e Dolores Vilavedra, onte, na presentación do libro FOTO: Fernando Blanco |
Poida que só o carácter empático, dialogante e conciliador de Xosé Neira Vilas fora quen de concitar, nunha presada de cartas, a variedade de voces e sensibilidades que tensaron os polos do mapa de Galicia na segunda metade do século XX. No exilio e aquí, no interior. Esa vontade teimuda de vertebrar e de espellar o momento histórico que atravesaba o país cífrase no volume Cartas de vellos amigos 1959-1998, editada por Galaxia na colección Memoria, ao coidado de Dolores Vilavedra, e que onte foi presentado na Libraría Couceiro de Santiago.
"Quería existir no país, aínda sen estar no país", sinalaba onte Vilavedra en referencia a un Neira Vilas que, desde Bos Aires ou La Habana, expresaba nesas misivas "a súa vontade de ser e de exercer como escritor galego". O libro -un libro "cheo de vida" en palabras do editor Víctor Freixanes, aínda que nel abrollen as verbas e pensamentos de máis de corenta persoeiros xa finados- comprende a correspondencia cruzada do escritor de Gres cunha ampla representación da intelectualidade do século, á que, en palabras de Freixanes, "Neira Vilas integrou no discurso de formación do país". Non só. Cartas de vellos amigos, apuntou a filóloga e autora da edición, é "un documento valioso sobre a articulación complexa do campo literario na Galicia do franquismo e da Transición e do papel que xogou en todo ese proceso o exilio". As notas a pé de páxina de Dolores Vilavedra -"acotacións valiosísimas", segundo o propio Neira- son, ademais, o froito dunha pescuda intensa, case detectivesca, que multiplica exponencialmente os niveis de comprensión do conxunto e que fixa nos futuros leitores a importancia dun corpus que é "paisaxe viva" de catro décadas da nosa historia recente. Canda esa volta ás raíces da disciplina filolóxica que comportou a edición do libro, Vilavedra salientou tamén a súa decisión, compartida pola editora e por Neira Vilas, de non corrixir a lingua das cartas, porque "podía ser material para estudar a evolución dos criterios de elaboración do estándar do galego escrito", lembrou Vilavedra. Galego de Ourense, como o de Celso Emilio Ferreiro, pangalego, como o de Blanco Amor, e unha rede poliédrica e latexante, integrada polos galegos de Dieste, Manuel María, Piñeiro, Luis Seoane, Mariví Villaverde ou Lois Tobío, empeñados en manter vivo este país na letra e na tinta das súas cartas.
O gran 'long-seller' da literatura galega
·· Xosé Neira Vilas (Gres, Val do Ulla, 1928) é a autor do gran long-seller da literatura galega do século XX, Memorias dun neno labrego. Escritor e membro numerario da Real Academia Galega, Neira Vilas é ademais doutor honoris causa polas Universidades da Coruña e da Habana .
