Jueves 24.05.2012
| Actualizado 15.00
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Un momento da representación da montaxe teatral da peza ‘Genet-Las criadas’ por Sala Muntaner FOTO: S.T. |
O Salón Teatro de Santiago recibe esta fin de semana á compañía catalá Sala Muntaner, que ofrecerá dúas funcións (sábado 13 ás 20.30 horas e o domingo 14 ás 18.00 h) do seu espectáculo Genet-As criadas, realizado a partir da obra de Jean Genet que marcou a entrada do novelista, poeta e dramaturgo francés no chamado teatro do absurdo. Con dirección escénica de Manel Dueso, e seguindo unha indicación do propio autor, as tres personaxes femininos son representados por homes, para potenciar así o xogo teatral.
Como o mesmo Genet manifestou, "non se trata dunha obra realista que pretenda reproducir o enfrontamento de clase entre dúas criadas e a súa señora; para iso xa están os sindicatos", aseguraba. Pola contra, trátase dun espectáculo que afonda na non aceptación da condición humana e onde a realidade é denunciada como artificio. Con este obxectivo, o dramaturgo francés propón un xogo que lles permite aos personaxes escapar dunha realidade que detestan e recoñecerse a si mesmos como outros.
N'As criadas, dúas serventas -as irmás Clara e Solange- fan quendas para interpretar o papel da súa señora, buscando as súas identidades nun medio que flutúa sen parar entre a realidade e a fantasía. Así, sae a flote o amor-odio que senten por ela e por si mesmas, á vez que expresan aquilo que cren que a señora pensa das súas criadas. A montaxe está protagonizada polos actores Isaac Alcayde, no papel de Clara, e Oriol Genís, no de Solange, ademais de Xavier Pujolràs, no de Señora.
Para Manel Dueso, As criadas é unha obra "brutal, terrible, escura e luminosa a momentos e dunha grande esixencia". Na montaxe da Sala Muntaner, o director tenta representar a obra amosando o universo "genetiano", de aí que no título da montaxe o nome da peza vaia precedido polo apelido do autor. Aínda que os seus escritos foron considerados ao principio pornográficos, Genet foi axiña definido como un existencialista preocupado polos problemas da identidade e da alienación, e foi recoñecido como un dos máis importantes escritores do século XX. Fillo ilexítimo dunha prostituta, afrontou varios procesos por roubo e prostitución que o levaron á cadea. Alí escribiu e publicou varios libros e o seu crecente prestixio literario moveu a un amplo grupo de autores franceses a pedir a súa liberación, que finalmente foi concedida en 1948 polo presidente de Francia.
Á venda na billeteira e na páxina web
·· As entradas para as dúas representacións de Genet-Las criadas en Santiago poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Ademais, xa poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es .
