Jueves 24.05.2012
| Actualizado 09.04
Hemeroteca web
|
RSS
Cando os meus fillos eran pequenos gustábame explicarlles que a condición de foráneo pode ser unha grande avantaxe para estudar un país. Dicíalles que algúns dos mellores traballos etnográficos están feitos por estranxeiros, en todas as partes, porque só os visitantes teñen capacidade para discernir o máis evidente, aquilo que permanece cegado para os autóctonos, por ser consubstancial a eles.
O andaluz Nicolás Tenorio veu desterrado para O Bolo a fins do século XIX e alí redactou o libro La aldea gallega, a mellor descrición da Galicia rural. Noutras disciplinas suceden cousas parecidas. Nos anos setenta o investigador alemán Hartmut Heine dedicouse a indagar na guerrilla antifranquista en Galicia, e elaborou a primeira obra rigorosa e sen prexuízos sobre un tema que na época estaba inzado de tabús. Hoxe considérase un libro de referencia.
John Thompson é un profesor estadounidense que acaba de publicar en Galicia As novelas da memoria, un estudo sobre a literatura galega que trata o tema da Guerra civil. É o primeiro estudo sistemático, á marxe de que haxa outras aproximacións moi serias sobre o asunto.
A min gustoume moito, porque analiza as obras con frescura. Vou intentar explicarme. En todos os países hai unha serie de institucións, investigadores, ensinantes, editoras, medios de comunicación e público que con múltiples criterios e maneiras, ditaminan moi informalmente cales son as obras que deben subsistir e cales non. Dito con algo máis de rigor, cales son merecedoras de transcendencia canónica e cales serán esquecidas. Claro que esas institucións, editoras e xornais teñen intereses e percepcións dos autores que inevitabelmente, e en todos os países, contan moito á hora de facer esas informais seleccións. Abonda con pensar que se os membros da Academia Galega por exemplo, son elixidos por cooptación, é lóxico que en certa medida, por amizade ou antipatía, fixen as súas preferencias por unhas obras ou por outras.
O estudo de Thompson carece deses xuízos previos, deses prexuízos, e aborda as novelas como de entrada se deben abordar todas as obras de arte, polo gustazo delas, que é o mellor conselleiro, para despois entrar noutras profundidades.
* Profesor e escritor
