Jueves 24.05.2012
| Actualizado 00.00
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia| noticias@galiciaambiental.org
![]() |
É un curso curto, duns 16 quilómteros de lonxitude, que rega as terras dos concellos que forman o Val Miñor: Gondomar, Nigrán e Baiona, servindo de fronteira entre estes dous últimos.
O seu estuario está declarado Lugar de Importancia Comunitaria, Zona de Especial Protección para as Aves e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais. Trátase dun espazo natural dun alto valor ecolóxico que alberga un gran número de especies de aves acuáticas, sobre todo migratorias, que atopan nesta marisma un lugar idóneo durante o inverno.
Os ríos Morgadáns e Zamáns son os seus principais afluentes. O encoro de Zamáns, construido no seu curso, alimenta o abastecemento de auga potable para a cidade de Vigo e os seus arredores. As especies piscícolas máis comúns nas súas augas son o reo, a troita, a anguía, a reñosa e a solla, xunto con entradas esporádicas de lamprea que se teñen apreciado nos últimos anos. Os dous coutos de pesca do Miñor son o de Gondomar, onde a troita é a especie raíña, e a propia presa de Zamáns.
En canto ós riscos ambientais, as verteduras de augas residuais á conca do río, procedentes de zonas sen saneamento ou onde as infraestruturas non teñen un correcto funcionamento son os principais causantes da mala saúde deste cruso fluvial pontevedrés. É ademáis un dos cursos fluviais galegos máis afectados pola escaseza de auga, en períodos de seca prolongada.
Ver: as ribeiras e xunqueiras do río Miñor, no seu estuario, ofrecen unha magnífica oportunidade de desfrutar da natureza, da paisaxe e da fauna e a flora que conforman este fermoso ecosistema. Outro espazo natural que vale a pena coñecer é a península de Monteferro, dende a que se obteñen espectaculares vistas da ría de Vigo, as Illas Estelas e as Cíes. Outras visitas recomendables son: o castro de Pedramoura ou as mostras de arte rupestre de Gondomar; o Templo Votivo do Mar, en Nigrán, a vila de Baiona ou a ponte medieval da Ramallosa, unha das máis fermosas que se conservan en Galicia. Segundo a tradición, esta ponte foi ata hai poucas décadas punto de referencia para as mulleres encinta que non lograban ter fillos. O rito pasaba por verter sobre o seu ventre auga do río, debendo realizarse ás 12 da noite e sendo premisa necesaria que apadriñara á criatura a primeira persoa que atravesase a ponte despois do conxuro. As praias dos concellos de Nigrán e Baiona, como a de Panxón ou a de Ladeira, son outros dos lugares destacables deste Val Miñor.
Chegar: a autoestrada AP-9 ata Bembrive, e dende alí a autovía AG-57 levaranos directamente ata o curto curso deste río e a súa desembocadura, así como ás localidades de referencia da zona.
Comer: os peixes, tanto de río como de mar, e os mariscos son algúns dos produtos máis representativos da gastronomía da zona, onde tamén as carnes teñen moita sona, preparadas principalmente á brasa, nas típicas churrascadas. No capítulo dos doces, as noces ou o mel, que teñen unha festa propia en Baiona no mes de setembro, son algúns dos máis representativos.
Aloxamento: as casas de turismo rural, moi abundantes no concello de Gondomar, e a ampla oferta de hoteis e pensións dos concellos de Nigrán e Baiona, por tratarse de lugares de veraneo, son algunhas das opcións para facer noite nunha comarca que ofrece, ademais, algún dos mellores campings do país.
