Jueves 24.05.2012
| Actualizado 00.00
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia| noticias@galiciaambiental.org
![]() |
O primeiro deles nace en Folgor, en Predafita do Cebreiro, e nos seus máis de 50 quilómetros de lonxitude percorre a Serra de norte a sur, atravesando concellos como o de Folgoso do Courel e Quiroga, onde desemboca no Sil no lugar de Augas Mestas. O Lóuzara e o Pequeno son algúns dos seus afluentes máis importantes. O Quiroga, cuxo percorrido de pouco máis de 20 quilómetros se enmarca na súa totalidade no concello do mesmo nome, nace en Pía Paxaro, preto da localidade de Vilarbacú, e desemboca no Sil despois de recibir as augas de afluentes como o Pacios ou o Ferreiriño.
Estes dous cursos fluviais regan a Serra do Courel, un dos espazos naturais máis representativos e singulares da comunidade e declarado Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). Considerada a gran reserva verde de Galicia, onde o bosque autóctono pervive case sen que a man do home cause estragos sobre él, nela conflúen unha gran variedade de especies animais (boa parte das que se poden atopar en Galicia, a excepción das propias de zonas litorais) e vexetais.
O Lor é un dos paradigmas da pesca en Galicia pola pureza das súas augas, grazas o entorno natural e salvaxe no que se enmarca. A especie raíña neste río é a troita, aínda que tamén hai presenza de cacho e escalo. É un curso fluvial cunha gran versatilidade e que permite todas as modalidades de pesca. A Labrada (concellos de Pobra do Brollón e Quiroga) é o couto máis destacado, un destino pesqueiro cunha grande demanda incluso fóra da nosa comunidade. O outro couto do Lor, onde tamén existen algúns tramos de pesca sen morte, é o do Courel (Folgoso do Courel), onde predomina a troita ó igual que no de Labrada.
O Lor é un dos ríos máis limpos de Galicia grazas á paisaxe agreste e salvaxe pola que discorre. Os riscos ambientais do Quiroga son, principalmente, as verteduras das industrias pizarreiras da zona que provocan que en ocasións as súas augas baixen turbias.
Ver: a Serra do Courel e algúns dos seus lugares de maior beleza como a Devesa da Rogueira, que supón unha importante reserva botánica na que se contabilizan máis de 800 variedades vexetais, a Lagoa de Lucenza, que nalgúns veráns chega a secar, a Fonte do Cervo ou a Buraca das Choias, ós que se pode chegar a través de diferentes roteiros de sendeirismo. A Aula da Natureza da parroquia de Moreda, no concello de Folgoso do Courel, é outra das nosas recomendacións. Está aberta dende a primavera ata comezos do outono e nos períodos de vacacións invernais e ofrece unha posibilidade única de coñecer a natureza do Courel. O Museo Etnográfico Municipal de Quiroga ou o Museo Etnográfico en Vilar, no concello de Folgoso do Courel, permitirannos achegarnos á vida na montaña lucense e ás súas xentes.
Chegar: a estrada LU- 651, que atravesa O Courel de norte a sur, dende Pedrafita a Quiroga, é unha das mellores opcións para chegar ó curso destes dous ríos. Dende o norte, pódese acceder directamente a Pedrafita do Cebreiro dende a autovía A-6 e, dende alí, achegarse a calquera punto das concas fluviais do Lor e o Quiroga.
Comer: os peixes de río, como a troita, a carne de porco e os seus derivados ou as verduras da zona son algúns dos seus produtos gastronómicos máis destacados. Pero sen dúbida, a castaña é a raíña da cociña desta comarca. No capítulo dos postres merecen ser mencionados o Queixo do Cebreiro, o mel ou as filloas.
Aloxamento: a nosa recomendación son as casas de turismo rural da zona, como as dos concellos de Folgoso do Courel ou Quiroga. No primeiro desles existe tamén un acampamento que ofrece a posibilidade de aloxarse en camping ou bungalows en plena natureza da Serra do Courel.
