Jueves 24.05.2012
| Actualizado 00.00
Hemeroteca web
|
RSS
Galicia| noticias@galiciaambiental.org
![]() |
Nos seus máis de 80 quilómetros de lonxitude percorre os concellos de Vilar de Barrio, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Allariz, A Merca e Celanova, servindo de fronteira entre os municipios de Ramirás e Gomesende (ó norte) e Cartelle (ó sur), para chegar a Arnoia, onde desemboca. Os ríos Maceda, Ambía e Ourille son algúns dos seus principais afluentes.
No seu nacemento, o Arnoia percorre parte dun dos espazos naturais máis significativos de Ourense e de Galicia: a Serra de San Mamede. Esta serra, formada por outeiros e penedos, constitúe un excepcional miradoiro dende o que se poden admirar os terreos que un día estiveron anegados pola Lagoa de Antela, na comarca da Limia. Ademais, posúe unha enorme riqueza vexetal e animal, con lugares tan destacables como o Bidueiral de Montederramo, declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC).
As especies dominantes nas súas augas son a troita, a anguía, a boga e o cacho. Conta con numerosos coutos de pesca troiteiros como os de Allariz, Os Medos e Celanova, todos eles divididos en varios tramos, nalgúns dos cales se practica a pesca sen morte. O río en xeral, e o couto de Os Medos (Baños de Molgas) en particular, foron grandes reservorios de troita (exemplares de gran tamaño) que nos últimos anos acusaron un importante descenso.
As verteduras de augas sen depurar son un dos principais problemas ambientais, aínda que nos últimos anos a maior preocupación neste ámbito é a superpoboación e colonización do cormorán na cabeceira do río, poñendo en perigo a supervivencia de especies piscícolas e o equilibrio do ecosistema fluvial.
Ver: a Serra de San Mamede e o Bidueiral de Montederramo, un dos bosques de bidueiros mellor conservados de Galicia, son un dos maiores atractivos do curso alto do Arnoia. En Baños de Molgas, cabe destacar o seu Museo Etnográfico e o balneario, de recoñecido prestixio polas súas augas termais. Outra das nosas recomendacións é a visita á vila de Allariz, onde destacan o seu casco histórico e o paseo fluvial, ou a Celanova, onde existen salientables mostras de cultura antiga como os petroglifos de Freixo ou o xacemento arqueolóxico de Castromao. Xa na zona da súa desembocadura, as numerosas áreas recreativas que existen a carón do río no concello de Arnoia ou o seu balneario son outras das nosas recomendacións. Ademais, a súa conca media e baixa é unha importante zona de produción do famoso viño do Ribeiro.
Chegar: a estrada OU-540, dende Ourense ata Vilanova dos Infantes, é a mellor opción para acceder ó curso baixo do río e a OU-531, que une Xinzo de Limia e A Cañiza, permitiranos seguir o percorrido do río no seu tramo medio e baixo a través de diferentes vilas do Ourense interior. A autovía A-52 ata Xinzo de Limia e de alí ata Vilar de Barrio levaranos ata a conca alta.
Comer: os peixes de río, entre os que destaca a troita, as carnes de terneira ou os produtos da horta, como as patacas ou os pementos de Arnoia son algúns dos manxares máis representativos da gastronomía das ribeiras deste curso fluvial. No capítulo dos postres destacan os doces típicos de Allariz, como os mazapáns, as tortas ou os melindres.
Aloxamento: os hoteis-balnearios de Baños de Molgas e de Arnoia son unha das mellores opcións para facer noite, relaxarse e desfrutar da fermosa natureza desta zona do interior ourensán.
