Jueves 24.05.2012
| Actualizado 00.00
Hemeroteca web
|
RSS
O Goberno Feijóo enfronta o seu primeiro debate do Estado da Nación aos once meses de goberno. Tempo abondo para analisarmos a incidencia que as políticas gobernamentais están a ter na sociedade e no tecido económico. Na fronte educativa, cultural e territorial a política da Xunta estivo marcada por xerar división. Velaí a gravísima fenda creada coa política de minorización da lingua galega, a supresión da gratuidade dos libros de texto ou a tendencia á desprotección ambiental e territorial nos procesos abertos de revisión da Lei do Solo ou das Normas do Litoral . No eido social e económico a Xunta adicouse á deconstrución do construido ou, polo menos, deseñado, polo Bipartito. Concurso eólico, sistema galego de benestar, galescolas, normas de calidade da vivenda e do hábitat?A súa xestión, asemade, ten reducido o investimento produtivo en máis dun 50% e xerado unha dinámica de desprotección e minusvaloración da empresa galega a prol das empresas de fóra. Velaí as contratacións públicas de publicidade e comunicación do Xacobeo ou de servizos tecnolóxicos para a Xunta. Por outra banda, medio rural (fóra da mesma tendencia deconstrutora de instrumentos úteis como o Banco de Terras ou as Unidades de Xestión Forestal), turismo, promoción industrial e reforma educativo-formativa son áreas de goberno inéditas.
E, o peor de todo, é a ladaíña que a Xunta proxecta decote na cidadanía galega: "Non tempos competencias, a culpa é de Zapatero". Porque esquece a sobranceira responsabilidade do Goberno galego nas políticas microeconómicas de promoción empresarial e reactivamento do emprego e translada a convicción de que o autogoberno non é útil e que a función da autonomía é meramente provincial e complementaria, no canto de sermos decisiva. O Goberno suspende. ¿E a oposición? ¿Qué capacidade de alternativa pode proxectar na cidadanía?
A oposición ten de recoñecer o seu carácter dual: nin o BNG nin o PSOE poden construir unha alternativa de goberno sen contar co outro. Isto quere dicir que as dúas forzas han construir unha cultura de coalición que até de agora non se instalou de xeito maioritario nos seus cadros nin en cadansúas bases sociais.
BNG e PSOE, tamén, haberían levar a súa coincidencia de diagnose na oposición á preparación de alternativas en positivo. Que, á súa vez, poñan en valor a experiencia de goberno bipartita, dende a súa reivindicación crítica. E o PSOE ha resolver o estigma da súa oposición frontal á lei de caixas. Doutro xeito é moi difícil que as dúas forzas da oposición instauren un clima progresivo de recíproca confianza.
Unha xestión gobernamental deficiente non xera "per se" unha alternativa de goberno. Xa que logo, BNG e PSOE teñen moito que traballar nos próximos meses se queren que a xente albisque, ao pé de rúa e rueiro, esa alternativa.
