Miércoles 23.05.2012
| Actualizado 22.13
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| Carlos Aymerich fotografado no seu despacho do grupo parlamentario do BNG no Hórreo FOTO: Ramón Escuredo |
Carlos Aymerich (Vigo, 1967) repite como voceiro parlamentario nacionalista logo de debutar no Hórreo na lexislatura pasada, tras catro anos no Congreso. O contexto é diferente ó 2005 tras a derrota. Aspira, ademais, a suceder a Anxo Quintana á fronte do Bloque. Vehemente contra o PP e o PSdeG, coida que non existe unha alternativa a medio prazo para os populares que non pase por un novo bipartito.
_ ¿Tivo ‘déjà vu’ ó ver de novo a maioría absoluta do PP?
_ Non déjà vu, senón a sensación de ter que poñer as pilas desde xa.
_ ¿Marca un novo período de gobernos conservadores sucesivos?
_ Non. Se facemos unha oposición firme e rigorosa, e sabemos formular alternativas que respondan ás demandas da xente, o PP e Núñez Feijóo van durar catro anos nada máis.
_ O PSdeG responsabilizou o BNG de gran parte da derrota. No sentido aritmético, pola perda do escano clave, e por xerar desencanto...
_ Perdemos un escano cada un. O PSOE recuperouno na emigración. Nós non temos redes de axentes electorais e dixemos que as modificacións electorais que viñesen de fóra están sempre baixo sospeita. Non querería verme na situación de que a maioría se modificase polo voto exterior. Cada forza política ten que analizar en que medida non respondeu ás expectativas dos seus electores. Se lles botamos as culpas ás compañías, eu podería estar tentado de dicir que nun contexto de crise económica tivemos un efecto arrastre do PSOE. Coa que está caendo non é un bo socio, pero iso non achegaría nada. O fundamental é que sumando os votos, BNG e PSOE temos máis votos que o PP.
_ ¿A derrota afectará ó entendemento entre ambos?
_ Somos formacións diferentes, pero cunha virtude indispensable: a capacidade de chegar a acordos que non ten o PP.
_ ¿Asumir os erros suporá mudar de xeito de actuar?
_ Temos que demostrar que aprendemos dos fracasos e somos capaces de rectificar os erros. Houbo un erro fundamental, compartido entre o BNG e o PSOE, que foi de percepción. Entendemos que o PP estaba derrotado e que a competición política era entre BNG e PSOE. Esa foi a cuestión. Craso erro.
_ Non era así...
_ Iso levounos a que nesa dinámica de competición, esquecésemos a visualización do ámbito común: o bipartito. O problema non é que haxa máis presidencialismo, senón que non houbo suficientes fotos conxuntas de Quintana e Touriño. ¿Por que non comparecían xuntos ó final do Consello da Xunta?
_ ¿Como ve a Feijóo?
_ Non comeza moi ben. Dixo en campaña que ía resolver a crise en 45 días. Poremos o cronómetro. Quixo aparecer como abandeirado da rexeneración democrática e resulta que no seu Goberno posiblemente estará xente como Puy Fraga, sobriño de Fraga Iribarne e enchufado na Xunta polo seu tío, como a súa nai, varios dos seus irmáns, cuñados... Agustín Hernández, posiblemente conselleiro de Obras Públicas, ten intereses importantes na construción. Falouse de barcos na campaña,... Fraga vai todos os veráns pescar fanecas á ría de Arousa co dono de Jealsa e en Portos de Galicia Carlos Negreira, outro posible conselleiro, non lle cobraba á empresa o canon que ten que satisfacer por ocupar dominio público portuario. Está sendo investigado polo Tribunal de Contas. Falouse de coches... Feijóo escartou un Audi bordeos A-8 en Miño na campaña de 2005 e, ademais, sendo presidente do grupo popular, desfrutou dun coche de luxo regalado por Citroën. No caso de que a empresa presente un ERE, ¿de que lado vai estar?
_ O mesmo argumento serve no caso eólico, con Anxo Quintana no barco de Jacinto Rey...
_ As adxudicacións eólicas fixéronse a través de concurso. Se o PP non está de acordo, vai ter que resolver os recursos. Eles adxudicaron os 4.000 megavatios eólicos a dedo, entre outros a (Antonio) Fontenla, o xefe dos empresarios. Quizais por iso está tan contento con este goberno monocor e di que o bipartito era un mercado persa.
_ ¿Hai risco social coa lingua?
_ O PP xogou con moita irresponsabilidade. Alimentou sectores moi extremistas. Non renunciaremos á defensa da lingua. É obriga de todos. A lingua non é patrimonio do BNG.
"Esperemos chegar a un acordo co resto de listas"
_ ¿Aspira a ser voceiro nacional?
_ Parece que haberá tres listas. Espero que de aquí á asamblea poidamos chegar a algún acordo. Efectivamente, hai compañeiros que me postulan nunha delas.
_ ¿Que cambios cre necesarios respecto ó pasado?
_ Estamos orgullosos da traxectoria do BNG. Ó longo dos seus 27 anos de historia foi exemplo de modernidade e conexión coa sociedade. Temos que ser unha forza con vocación hexemónica e construír esa maioría faise con propostas e traballo, non ensimesmándonos.
_ Pero desde 2001 non deixa de perder apoios...
_Levamos un devalo desde entón, que ten que ver con ciclos políticos e con moitos erros que cometemos. Espero que esta asemblea sirva de punto de inflexión para un novo acordo entre todos no BNG arredor dunha liña política e dun equipo de dirección. Pero non podemos reflexionar en dous anos. Non hai etapas transitorias. Se queremos recuperar a Xunta en catro anos temos que traballar xa.
_ ¿É un lastre o seu hermetismo?
_ Máis ben é unha imaxe tópica que real. Forza máis permeable e sensible ás demandas sociais que o BNG, non as vexo no país. Temos que ampliar a nosa base militante.
_ ¿Tocaron teito electoral?
_ Estou convencido da vixencia política do proxecto do BNG. Nesta lexislatura vaise ver moi claro que en Galicia é inconcibible política favorable ás maiorías sociais, de esquerda, que aposte por servizos públicos, igualdade, que non vaia da man da defensa do país e da súa intensidade.
_ ¿Non hai alternativa ó Partido Popular sen o Bloque?
_ Eu quero que o BNG sexa hexemónico. Aspiro a que, canto antes, teña apoio maioritario dos galegos, pero non son iluso. A medio prazo, se queremos construír unha alternativa ó PP, é cousa de dous.
_ ¿Xera incomodidade a presenza de Anxo Quintana no grupo?
_ En absoluto. Queda na Mesa do Parlamento e vaise implicar no traballo do grupo como un deputado máis.
_ Un compañeiro seu dicía que había deputados da Cámara cos que non tomaría un café...
_ Un café tomaríao con todos, confiar máis neles xa non.
_ ¿Incluso con Feijóo?
_ Si, hai que ver a política con espírito deportivo. Podemos ter as discusións máis duras nun plató de televisión ou no hemiciclo, pero cando remata o partido a tensión debe quedar aí.
_ Houbo moita nalgún plató de televisión...
_ Como din os portugueses un día non son días. Pero algún deses hai, claro (risas)
