Miércoles 23.05.2012
| Actualizado 18.33
Hemeroteca web
|
RSS
Afortunadamente, este ano xa non é necesario explicar aos galegos como é un panel solar térmico ou o seu tamaño. Na actualidade, en moitos pobos e vilas da nosa comunidade podemos ver paneis térmicos nas cubertas ou ao carón das novas edificacións e tamén doutras xa existentes, cuxos propietarios, conscientes dos seus beneficios, implantaron nelas unha instalación de enerxía solar térmica.
A presenza masiva destes paneis é relativamente recente e remóntase aos últimos dez anos, xa que antes só os considerados como "un pouco tolos" chegaban a "atreverse" a montar unha instalación deste tipo. Pois ben, hai que dicir que nin eran "tolos" nin era un "atrevemento", pois realmente este tipo de instalacións son útiles, rendibles e teñen grandes beneficios.
Non obstante, en ocasións seguen existindo dúbidas sobre cuestións básicas relativas a este tipo de instalacións e, quizás, as dúas preguntas principais que xorden habitualmente son "para que serven?" e "canto custan?".
Como resposta á primeira pregunta, hai que dicir que as instalacións solares térmicas son proveitosas en todos os lugares nos que é necesario dispoñer dun fluído, normalmente auga, a unha temperatura media, como ocorre nas vivendas para a xeración de auga quente sanitaria ou para o apoio á calefacción de baixa temperatura (como o chan radiante), nas piscinas para a súa climatización ou incluso en industrias para a xeración de auga quente.
En canto ao custo das instalacións, aínda que é moi variable segundo o tipo de aplicación, as necesidades térmicas das que se trate e, polo tanto, en función do seu tamaño, como referencia pode cifrarse en 5.000 euros o custo da instalación máis habitual, dedicada á xeración de auga quente sanitaria nunha vivenda, e con dous paneis solares térmicos que serán capaces de achegar entre un 60 e un 70% de todas as necesidades de auga quente da vivenda ao longo do ano. Ao fío desta cuestión convén lembrar que a Xunta de Galicia, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dispón dunha liña de axudas para este tipo de proxectos, coa que é posible cubrir ata un 35% do investimento destas instalacións, sempre que non se trate dunha instalación obrigatoria polo Código Técnico da Edificación.
En efecto, o Código Técnico da Edificación vixente establece que todas as novas edificacións ou rehabilitacións deben contar cunha instalación solar térmica para aportar unha porcentaxe mínima da enerxía necesaria para xerar auga quente, agás que no caso de que na vivenda exista unha instalación de aproveitamento doutra fonte renovable para a mesma finalidade.
Aínda que pode parecer que este requirimento é demasiado estrito e que a contribución da enerxía solar térmica é moi reducida considerando cada unha das vivendas cunha instalación deste tipo, débese ter en conta que nun prazo relativamente curto de tempo existirán milleiros de edificacións en Galicia con estos sistemas, o que contribuirá a importantes aforros de combustibles fósiles e, polo tanto, á redución da emisión á atmosfera de gases de efecto invernadoiro.
